24 abril 2008

O Baile Tradicional Galego (II)

A PANDEIRETADA DE VIVEIRO

Este é un baile que se caracteriza de entrada por tres cuestións básicas:
  • Nunha pandeiretada o instrumento principal é a pandeireta.
  • Esta pandeiretada é unha muiñeira.
  • O estilo da bisbarra manifestase claramente.
Esta pandeiretada foi recollida en Viveiro polo C.C. María Castaña de Lugo nos anos 90 do século pasado. Como xa se comentou o instrumento principal é a pandeireta pero tamén se poden utilizar outros instrumentos como o tamboril, o bombo, a gaita, a botella de anís, as cunchas ou as piñas.

En canto o estilo do baile, as peculiaridades preséntanse no movemento dos brazos dos bailaríns e nunha volta de remate que levan tódolos puntos. Os paseos, ao igual cos puntos, están moi elaborados.

Este baile ía acompañado dun canto que fai referencia as labores da fía, polo que se pode imaxinar que se bailaba nas fiadas.

Fías, fiadas, fiadeiros ou fiandóns tiñan gran repercusión porque eran importantes actos sociais nos pobos e nas aldeas.

Para fiar empregaban as rocas e os fusos que eran diferentes segundo fosen de liño ou lá.

A xente fiaba en calquera momento, pero nos fiadeiros facíase con maior intensidade, tiñan carácter comunal e comezaban polo nadal. As mozas collían as súas rocas, fusos, fío, un tallo e ían para a casa onde se había fiar. Polas nove da noite, xa no curral, empezaban a fiar nais e fillas, despois ían chegando os mozos, falaban e rían coas mozas, cantaban e por suposto tamén bailaban.


BIBLIOGRAFÍA

1. C.C. María Castaña: “Arredor da Vida. O traxe e o baile nas terras de Lugo”, Ophiusa, 1993.
2. I. Rodriguez Pérez, C. Pérez Arias: “Método de Baile Galego, Iniciación”, Ophiusa, 1994.

AGRADECEMENTOS

A David L.B. por compañeiro e por axudarme a grabar este baile que tantas veces bailamos durante o verán.

A Laura F.B. por tocar e cantar para nós, por ensinarnos este baile e por acercarme as novas tecnoloxías.

Lucía Fouz - 4ºESO

No hay comentarios: