24 abril 2008

O Baile Tradicional Galego (I)


A danza pode definirse como a actividade espontánea dos músculos baixo a influencia dalgunha emoción intensa, como a ledicia social ou a exaltación relixiosa. Tamén pode definirse como a combinación de movementos harmoniosos feitos só polo pracer que ese exercicio proporciona ao danzante ou a quen o mira. Trátase de movementos coidadosamente ensaiados, que o danzante pretende representen as accións e paixóns doutras persoas.

Enténdese como baile a acción feita espontáneamente, e como danza, aquela peza de baile que ten uns movementos estudiados e preestablecidos.


AS ORIXES DO BAILE

O home bailou antes de falar, empregou o baile como o seu primeiro medio de comunicación, a través dunha sucesión de movementos que o resto dos seus conxéneres foi asociando e entendendo.

Primeiro, a súa interpretación foi del só, máis adiante xa participan outros individuos, comezan a bailar en roda facendo cada un libremente os movementos que quere. Despois vén a uniformidade, todos fan o mesmo movemento que o bruxo ou o xefe da tribu indica, son os primeiros mestres de baile. Os movementos vanse facendo cada vez máis estudiados, os bailes empezan a ter un sentido novo.

Aparece o carácter máxico-relixioso, repítense determinados movementos que serven para que as divinidades estean contentas, para afasta-los malos espíritos, para curar, etc.

Facendo un pouco de historia é preciso destacar que a aprendizaxe do baile dun xeito regrado non é algo novo da nosa época, xa existía na antigüidade só que probablemente o acceso a esta aprendizaxe correspondíalle as clases sociais máis privilexiadas.

Aínda que a maioría dos nosos devanceiros non tiveron a ocasión de asistir a clases de baile, tamén tiñan os seus xeitos de aprendizaxe e, por suposto, bailaban. Xuntábanse nas fiadas, ruadas, segas, mallas… aprendían do bailarín que tiña boas calidades e imitábano. Noutras ocasións xuntábanse para ensaiar e preparar puntos para bailar porque había rivalidade entre aldeas e parroquias. Ensaiábanse tamén as danzas gremiais e procesionais.

Hoxe en día, salvo raras excepcións, estase deixando de bailar do xeito que se facía antes. O baile tradicional galego estase practicando só nos grupos de folclore, o pobo xa non o asume como divertimento, deixou de ser popular.


O ESTILO NO BAILE

Os bailes diferéncianse entre sí por tres parámetros:
  • como se move o corpo
  • que partes do corpo se moven
  • cal é o xeito de xunta-los movementos

O conxunto que resulta destas tres premisas, é o que chamamos estilo. O estilo diferencia o tipo de baile que estamos facendo, xa que unha jota non se parece a unha muiñeira.

Outra cousa é o xeito de facer das diversas bisbarras que compoñen, neste caso, o territorio galego porque un mesmo baile aparece de forma distinta ó ser diferente a zona onde se baila, falamos do estilo da bisbarra.

Hai que ter en conta tamén o estilo persoal de cada bailarín, que ten unha forma de facer propia.

Polo tanto pódese dicir que o estilo do baile é o xeito de facer o baile e atópanse tres estilos:
  • O estilo do baile, que vai definir que tipo de baile é.
  • O estilo da bisbarra, que di onde se baila.
  • O estilo persoal, que fala de quen o baila.

Lucía Fouz - 4º ESO

No hay comentarios: